EGPA  | Escritorio Galego-Portugués Antigo

  • INICIO

  • EQUIPO

  • LIÑAS DE TRABALLO

  • OBXECTIVOS E METODOLOXÍA

  • CORPUS

  • RESULTADOS

  • RECURSOS

  • CONTACTO

  • More

    egpa@gmail.com

    © 2015 COTAGAL

    EDICIÓN MÚLTIPLA

    O obxectivo principal do COTAGAL é a edición múltipla de obras literarias e prosa documental producidos na Galiza medieval (sécs. IX-XV) e moderna (sécs. XVI-XIX). O COTAGAL non só aborda a edición de obras e textos galego(-portugueses) no período cronolóxico sinalado, mais tamén de textos casteláns e latinos facturados na Galiza medieval e moderna. A metodoloxía empregada supón necesariamente un acceso múltiplo ao texto:

     

    1. Transcrición diplomática (TD), no caso das pezas máis emblemáticas (como as Cantigas de Santa María, a Historia troiana ou a Geral estoria), onde reflectimos a variación alográfica ou pictográfica –exs. tipos de <s> (alto, de dupla curva, presigmático), <z> (copetudo, sigmático) do texto, <d> (recto, uncial), <j> (caudato, alto) etc.–, a variación braquigráfica, dando conta da morfoloxía abreviativa –trazo superior, sobreposición literal, símbolos especiais–, alén da puntuación, acentuación e segmentación textual orixinal. Tamén se reflicte a variación cromática do manuscrito.

     

    2. Transcrición paleográfica (TP), na que reflectimos a variación gráfica (exs. <i, j, y>, <u, v>, <s, ss, z> etc.) do texto e ofrecemos en itálico o desenvolvemento das abreviaturas (sen deixar constancia da morfoloxía do elemento abreviador); mantemos igualmente a puntuación, acentuación e segmentación textual orixinal.

     

    3. Texto crítico (TC), na que ofrecemos unha edición interpretativa do texto que supón a regularización –nivelación e redistribución– das unidades gráficas irrelevantes do punto de vista escriptolingüístico, a aplicación de criterios estandarizados de ordenación do texto (segmentación gráfica, puntuación etc.) e a representación diacrítica dalgúns valores suprasegmentais (como a acentuación).

     

    4. Reprodución dixital do manuscrito, que permite o achegamento ás imaxes do texto para verificacións de lectura ou estudos pictográficos de detalle.

     

    Desta maneira, o aproveitamento dos textos é tamén múltiplo, segundo o nivel de presentación ao que se accede: estudos diplomáticos, paleográficos e grafemáticos; estudos lingüísticos, literarios ou históricos, etc. Neste sentido, a reflexión sobre os parámetros de transcrición e presentación gráfica na edición de textos e a análise descritiva das diferentes unidades (alo)gráficas e abreviativas é tamén unha das abordaxes máis recorrentes no grupo de investigación. O obxectivo último do proxecto é ofrecer acceso en rede a todos estes materiais: nunha primeira etapa presentando o texto plano (TD, TP e TC) e, posteriormente, tras a súa etiquetaxe en XML-TEI, despregando un corpus textual pensado para a consulta simultánea das diferentes instancias de transcrición/edición dispoñíbeis.

    ÁREA DE FILOLOXÍA

    XXX

    CRITERIOS DE TRANSCRICIÓN E EDICIÓN